Unha vintena de estudantes crean UVigo SpaceLab co obxectivo de deseñar, fabricar e operar pequenos satélites e misións espaciais

Logo da proposta presentada á ESA, as e os integrantes de UVigo SpaceLab están a estudar dúas posibles misións en satélites 1U (100X100X100 mm) ou pocketcube, unha de observación da Terra e outra de carácter máis científico, no campo da bioloxía, para o que están na procura de empresas que queiran patrocinar o proxecto. “Actualmente aínda non decidimos a plataforma, se cubesat ou pocketcube, un estándar de pequeno satélite menor que un cubesat, e que dependerá das análises técnicas se é viable nun ou noutro”, sinala Manuel Diz.
Fernando Aguado: “Ilusionado e co máximo apoio pola miña parte”
O laboratorio que nace para complementar a formación académica que recibe o alumnado nun proxecto real e multidisciplinar, similar ao que poden atopar cando emprendan a súa vida laboral, conta co asesoramento do docente, investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado e dos tamén docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Arno Formella, e Fermín Navarro, que recentemente participou na misión internacional Solar Orbiter, un proxecto conxunto da NASA e a ESA coa finalidade de obter as medicións solares máis precisas ata a data.
“Ilusionado e co máximo apoio pola miña parte. Que o que comezou co proxecto educacional Xatcobeo lograse a atención do alumnado da Universidade é moi ilusionante”, asegura Fernando Aguado, para quen este tipo de proxectos multidisciplinares axudan a formarse ao alumnado, non só como mellores enxeñeiros, senón tamén persoalmente, “xa que o traballo en grupo é crucial”. Os tres docentes, aos que poderían sumarse outros profesores de diversas enxeñarías que xa manifestaron o seu interese no proxecto, desenvolverán un traballo de advisor ou conselleiro coa case vintena de estudantes e egresados que a día de hoxe integran o laboratorio e que podería ver incrementado o seu número nun futuro, se a carga de traballo así o requerise.
A peculiaridade de estar liderado e dirixido por estudantes
A posta en marcha de UVigo SpaceLab produciuse logo dun duro traballo do alumnado e do profesorado, recoñecen os estudantes que conforman a laboratorio, que fronte a proxectos similares que existen noutras universidades, onde se involucran máis a investigadores e docentes, destacan que no caso de Vigo, SpaceLab “é liderado e dirixido por estudantes, aínda que teñamos profesores como advisors”. Neste sentido, Aguado considera que o modelo é moi interesante e “complementario ás actividades de investigación, tal e como demostran, por exemplo, os laboratorios de estudantes das universidades de Calpoyly en USA, apoiado e fomentado polo profesor Jordi Puig e en Noruega, na Universidade de Trondheim NTNU”.
Aínda que a finalidade de UVigo SpaceLab é principalmente educativa, o alumnado que o integra tamén quere aproveitar esta iniciativa para participar en congresos e xornadas de traballo de ámbito educativo dentro de sector espacial, ao tempo que tamén lle permitirá “ao alumnado formado dentro da asociación integrarse nos proxectos de investigación da Universidade, así como en empresas do sector aeroespacial de Galicia, a nivel nacional e internacional”, apunta Fernando Aguado.
Universidade de Vigo