O programa de detección do talento precoz en matemáticas Estalmat-Galicia abre a súa inscrición

Ademais, unha vez corrixidas as probas, levarase a cabo unha entrevista individual cos nenos e nenas preseleccionadas na proba de aptitude, acompañados da súa nai, pai ou titores, que previamente serán avisados persoalmente. Está parte atópase encamiñada a avaliar o interese e o grao do compromiso co proxecto.
Programa de actividades
Os estudantes seleccionados comprométense a asistir ao longo dos cursos académicos 2022-23 e 2023-24, ás actividades formativas que se programen nas mañás dos sábados (normalmente, 20 sábados cada curso) e, con carácter voluntario, continuar no ano 2024-25 nas actividades de Estalmat-Pi ou 3º curso (ao redor de 15 sesións anuais). As actividades adoitan desenvolverse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Historia
O proxecto Estalmat-Galicia iniciou a súa andadura no curso 2007-2008, integrado no proxecto Estalmat, iniciativa da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Conta co apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, da Axencia Galega de Innovación, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e da Facultade de Matemáticas da USC. Nas diferentes edicións, as Deputacións das catro provincias galegas apoiaron economicamente o programa.
O obxectivo de Estalmat-Galicia é detectar e prestar atención a nenas e nenos con talento matemático. “Trátase de desenvolver aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, pasalo ben coas matemáticas ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade”, explica a decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, Elena Vázquez Cendón. O equipo académico está composto por máis de 60 docentes de ensino medio e das tres universidades galegas das áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e, maioritariamente, Matemáticas.
Universidade de Santiago de Compostela