As universidades da Coruña e Vigo desenvolven o Barómetro da fenda de xénero nos estudos TIC

A segregación horizontal é un tema “preocupante” nas universidades, recoñeceu a directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e desde as Unidades de Igualdade universitarias trabállase nese sentido con diversas actuacións como o selo Distintivo de Igualdade que promove a universidade viguesa para recoñecer aquelas prácticas que integran e fomentan a perspectiva de xénero. A vicerreitora de Igualdade da UDC, Cristina López, abundou nas iniciativas coruñesas para promover a igualdade de xénero e asegurou que na UDC “apostamos por traballar cos homes pois é moi importante sensibilizar para comprometelos”. Cristina López fixo unha reflexión, ao fío destas datas de Nadal, sobre o tipo de regalos que reciben os nenos e as nenas, animando a “cambiar os relatos”.
A Cátedra ALDABA-WIB (Women, ICT & Business) está financiada pola empresa galega ALDABA, con 150.000 euros en sete anos motivada por un lado, segundo explicou o socio-director de ALDABA, Enrique Fernández, como unha iniciativa de responsabilidade social para devolver á sociedade parte do que lle aporta á empresa, e, polo outro, “porque necesitamos da riqueza intelectual que aporta a diversidade de xénero para facer o noso traballo”. Fernández animou ás nenas “a que dean o paso á enxeñaría TIC” porque “nos nosos equipos a día de hoxe nos faltan mulleres”, nunha empresa que conta cunha presenza feminina do 25%.
O reitor da Universidade da Coruña, que abriu o acto de presentación agradeceu a colaboración da empresa ALDABA esta “sensibilidade ante a falta de mulleres no sector TIC” que se traduce nunha falta de talento. Abalde asegurou que “como universidade temos o obxectivo de fomentar a vocación entre as nenas e as mulleres polas titulacións da área TIC”.
O reitor da Universidade de Vigo pechou a presentación gabando o traballo “excelente” da Cátedra, froito da colaboración das dúas universidades e a empresa. “Este barómetro vai fornecer de datos que nos permitan traballar na dirección correcta”, dixo Reigosa, quen afirmou que as universidades da Coruña e Vigo “somos institucións irmás”, defendeu a colaboración interuniversitaria que deu froitos como esta e outras Cátedras en común, e tamén puxo en valor o apoio da universidade viguesa á candidatura da Coruña como sede a Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, AESIA.
Universidade da Coruña