O proxecto EDIH DATAlife permitirá acelerar a transformación dixital das pemes galegas

Biorrexión de referencia en Europa
O proxecto nace coa misión de converter Galicia en biorrexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos. Trátase de axudar a mellorar a competitividade das empresas galegas introducindo tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, o big data, o internet da cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade; ademais da creación de espazos colaboradores e federados. En resumo, o consorcio busca dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitando o acceso a financiación, promovendo a formación en dixitalización e fomentando que as empresas proben este tipo de tecnoloxías sen custe.
Deste xeito, DATAlife converterase nunha fiestra única de acceso a servicios especializados e innovadores de carácter tecnolóxico, formativo e de desenvolvemento de negocio; tecnoloxías e infraestruturas de última xeración de uso compartido a disposición do ecosistema; e actividades de coordinación do ecosistema de innovación arredor das tecnoloxías dixitais.
Como explica Martín Llamas, director de atlanTTic e IP do proxecto na UVigo, o obxectivo é “a adopción por parte das PEMEs do big data, as tecnoloxías de IA, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, entre outras, xa que estas tecnoloxías lles permitirán aumentar a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente”. Para conseguir esta transformación dixital do tecido económico, universidades, centros tecnolóxicos e de competencias, clústeres sectoriais e grandes empresas traballarán xuntos para crear unha contorna xusta, verde e saudable adaptada á era da información. “Unha revolución dixital de alta calidade que se centrará nas persoas, na contorna na que viven e no seu benestar. Isto lograrase aumentado a adopción da IA nas pemes e a administración pública con aplicacións sinxelas, creando espazos de datos colaborativos e federados; aliviando os traballadores mediante a colleita automática de datos con IoT, continuando na senda da competitividade co uso de HPC e asegurando os datos sensibles coas últimas aplicacións europeas en ciberseguridade”.
Implicación da UVigo e de atlanTTic
Dentro deste proxecto, a UVigo forma parte do paquete de traballo Ecosystem & networks, encargándose das tarefas relacionadas coa transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Pola súa banda, o centro de investigación atlanTTic está centrado no paquete Test Before Invest, que comprende tarefas como o desenvolvemento de tecnoloxías para a mellora da ciberseguridade; o desenvolvemento, proba, validación e demostración de tecnoloxías dixitais e a investigación, desenvolvemento e posta en marcha de tecnoloxías dixitais adaptadas as necesidades sectoriais.
Outro paquete no que participa atlanTTic é Digital Training & Skills, centrado no deseño dunha metodoloxía para a formación baseada no análise de necesidades dos sectores e tecnoloxías xa mencionadas. Ademais, tanto UVigo como atlanTTic participan xunto con todos os socios nos paquetes de coordinación e xestión e de comunicación e diseminación.
As solucións ofertadas contemplan tanto o asesoramento inicial como o ensaio, experimentación e as probas de concepto para a implantación de tecnoloxías AI, big data, IoT e HPC, así como a mellora na ciberseguridade.
Participación das empresas
Respecto á concorrencia das empresas a esta iniciativa, DATAlife actuará como xanela única para os potenciais usuarios dos servizos, recollendo as súas necesidades e avaliando o seu grao de madurez dixital co obxecto de poder identificar aqueles servizos concretos de especial valor engadido para cada demandante.
R.