Galicia acada a cifra de desemprego máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996

No referido ás cifras do desemprego, apuntou que descenderon con respecto a hai un ano e na comparativa con marzo nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios para a Xunta como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.
Na comparativa con abril de 2022, o paro diminuíu nun -7,48 % (-11.259 persoas). Por sectores, liderou o descenso o primario (-16,86%), seguido da industria (-13,74 %), da construción (-9,88 %) e dos servizos (-6,58 %).
Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-13,52 %) seguido das mulleres (-6,56 %) e dos parados de longa duración (-4,19 %). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun abril desde 2009.
As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.050.315) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos, en abril de 2009.
En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -1,77 % (-2.504). Por sectores económicos, liderou a caída o primario (-1,96 %), seguido dos servizos (-1,82 %), da industria (-1,59 %) e da construción (-1,24 %). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,65 %.
Lorenzana, para rematar, sinalou que Galicia segue “na senda da recuperación” e apuntou á importancia de “continuar a traballar para crear máis emprego de calidade para que os empregos novos sexan non só en cantidade, senón en calidade”.
R.