O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia duplica o número de cursos, seminarios e prazas na oferta formativa 2023/2024

Na súa intervención, a conselleira salientou o papel fundamental do CNTG á hora de formar non só persoas traballadoras, senón tamén desempregadas que buscan unha oportunidade nas TIC, “un sector cambiante, en constante evolución”, de relevancia internacional. Así, sinalou que “13.000 persoas do sector son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009”, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.
Para o período 2023/2024, Elena Rivo fixo fincapé en que se aumentará a variedade de propostas para dar resposta á formación requirida nas tecnoloxías máis demandadas “da man das empresas do sector”, para adaptarse ás necesidades en eidos como a ciberseguridade, as solucións na nube, a ciencia de datos ou a intelixencia artificial. Engadiu que este labor está “avalado polos principais fabricantes tecnolóxicos”, que certifican as accións formativas, e altamente demandado polo sector, de aí o reforzo da proposta formativa para 2023/2024.
A maiores, cabe destacar outros programas formativos da Consellería, de interese arredor da capacitación dixital, como os convenios co clúster TIC Galicia, con arredor de 10.000 participantes entre 2022 e 2023 -a data de hoxe- e o contrato para a dixitalización de mulleres prioritariamente desempregadas e de municipios de menos de 30.000 habitantes, tamén con preto de 10.000 participantes a día de hoxe.
R.