
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou o decreto que declara Ben de Interese Cultural o Entroido ao considerar acreditado o seu valor sobranceiro como 'patrimonio inmaterial da nosa Comunidade'. Esta declaración culmina o proceso iniciado en 2024 para darlle esta distinción ao Entroido galego e chega tras recibir os informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego sen que se rexistrase ningunha alegación, e supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de patrimonio cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección. Segundo sinalou Rueda, esta celebración ten unha 'incalculable importancia' desde o punto de vista histórico, etnográfico e cultural, cunha relevante presenza nas 'artes e nas letras' dentro e fóra da nosa Comunidade.