
O DOG publica a declaración do Entroido galego como BIC, feito co que conclúe o proceso deste recoñecemento co que se acredita o seu valor sobranceiro como patrimonio inmaterial do pobo galego, e que supón a aplicación do réxime de tutela da Lei de Patrimonio cultural. O decreto salienta a multitude de funcións sociocomunitarias e culturais que cumpre o Entroido. Neste senso, pon en valor o seu papel para 'reafirmar os lazos de identidade colectiva dun lugar, aldea, parroquia ou concello, a través da manifestación dun espírito lúdico e trouleiro' e, desta forma, favorecer nunha comunidade 'a sociabilidade, a integración e inclusión social e unha rica convivencia interxeracional'.