Unha tecnoloxía de minaría de procesos do CiTIUS obtén o galardón 'Fernando Calvet Prats' da RAGC

InVerbis Analytics
InVerbis é unha plataforma de minaría de procesos que permite identificar, medir e monitorizar o potencial de mellora dos procedementos e operacións en calquera tipo de organización. É un proxecto español baseado en Galicia, froito da investigación realizada no CiTIUS da USC, e que contou co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié. “A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas”, explica o seu persoal impulsor.
Desde InVerbis atoparon até o momento importantes zonas de mellora en diferentes procesos. Por exemplo, nunha empresa de control de tráfico aéreo analizaron os procesos de xestión de incidencias TIC; nun proceso de tratamento cardiolóxico constatouse que, tras a compra de equipamento para probas e a realización de pequenos cambios organizativos, o tempo que transcorría entre o ingreso do paciente e a aplicación do tratamento reduciuse un 23% nun ano, e o número de probas TAC realizadas aos mesmos incrementouse nun 39%; a análise dun subproceso de fabricación industrial de vehículos evidenciou a existencia de repeticións de actividade; nunha empresa de telecomunicacións logrouse reducir o tempo de xestión de incidencias dos clientes; entre outros logros.
Diversa Technologies
A spin-off biotecnolóxica xurdida no IDIS, participado pola USC, baséase na transferencia da nanotecnoloxía baseada en lípidos non tóxicos e biodegradables para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. A finalidade desta tecnoloxía é mellorar a vida dos pacientes pero tamén se pode adaptar a moitas outras aplicacións como a nutracéutica e a cosmética.
A investigadora María de la Fuente, unha das fundadoras da empresa, explica que “coa nosa tecnoloxía patentada, emulsións lipídicas de tamaño nanométrico, podemos asociar de maneira eficiente novas moléculas e transportalas ao seu lugar de acción na súa forma terapeuticamente activa, para que poidan ser efectivas e así xerar novas oportunidades para o desenvolvemento de novos tratamentos”.
Xurado e acto de entrega
O xurado estivo composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, que actuou como presidenta; e, como vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo, de Gain; Judit Nogueiras do Igape; e Alfredo Ramos da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os traballos distinguidos, entre os que tamén se atopa un fármaco innovador contra o cancro de colon metastático desenvolvido por científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), recibirán un premio de 6.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 21 de xuño, ás 19.00 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)