Saltar ao conido principal
Webs Galicia | Directorio de Webs en Galicia logo
  • Directorio
  • Ranking Galicia
  • Alta de nova web
  • Destacar a miña web
  • Aumentar visibilidade en Internet
Inicio

Investigadores das universidades de Vigo e País Vasco estudan como anticipar os efectos negativos das innovacións tecnolóxicas

Neste proxecto, no que participa o coordinador do Post-Growth Innovation Lab da UVigo, Mario Pansera, insírese o seminario Imagining Alternative Futures, que este xoves e venres se desenvolve na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. O encontro reúne investigadores e investigadoras destas dúas universidades, co propósito de xerar un debate sobre “modelos de anticipación e creación de imaxinarios” que permitan “anticipar as consecuencias negativas da introdución de novas tecnoloxías” e sobre como “involucrar a cidadanía” nestes procesos, sinala Pansera.

“Na implantación da intelixencia artificial, ninguén preguntou á xente, ás persoas que non están traballando directamente no seu desenvolvemento, sobre cales poderían ser as súas implicacións negativas”, engade o responsable do Post-Growth Innovation Lab como exemplo desa idea de anticipación que centra o proxecto Tecnologías emergentes responsables: la construcción de futuros socio-técnicos mediante gobernanza anticipatoria abierta (Terga). Seleccionado na convocatoria de 2020 de proxectos de I+D+i do Ministerio de Ciencia e Innovación, Terga ten como investigadores principais os integrantes do grupo Praxis da UPV/EHU Andoni Ibarra e Hannot Rodríguez e reúne un equipo multidisciplinar de expertos e expertas co obxectivo de construír un “marco robusto” de gobernanza anticipatoria aberta, dirixido a avaliar e orientar a aplicación de prácticas responsables anticipatorias na investigación e a innovación no ámbito das tecnoloxías emerxentes.

“A anticipación implica utilizar o futuro para tomar decisións no presente”, salienta Rodríguez dun concepto que, lembra, “non supón predicir”, senón traballar na “representación de posibles escenarios futuros, de maneira que habiliten prácticas no presente”. Nese senso, engade o investigador da UPV/EHU, trátase dun paradigma que supón “anticiparte a posibles problemas, que poden ser de índole ambiental, social ou ético”, pero que vai máis aló de abordar “posibles riscos e como evitalos”, xa que constituír “un elemento que guía ás prácticas do presente”. De aí que o proxecto poña o foco na idea da “gobernanza aberta”, posto que “a anticipación pode utilizarse tanto para abrir como para pechar escenarios”, xa que eses “futuros plausibles” poden determinarse con prácticas máis ou menos inclusivas e participativas. “Estás apelando ao futuro para determinar cuestións do presente”, lembra Rodríguez, que incide na necesidade de ver a anticipación “como unha ferramenta posta ao servizo do desenvolvemento de prácticas científicas e tecnolóxicas máis abertas a outras voces e perspectivas” e polo tanto, “máis tendentes a posibilitar un conxunto de escenarios máis amplo”.

Imaxinando futuros alternativos

No desenvolvemento deste proxecto, que se estende ata 2024, enmárcanse unha serie de seminarios dirixidos a debater os resultados acadados, como o que nesta xornada botou a andar na Casa das Campás, que busca tamén pór en común as liñas de análise sobre anticipación co traballo desenvolvido polo Post-Growth Innovation Lab nos ámbitos do poscrecemento, decrecemento e innovación responsable. Tras a súa apertura por parte de Pansera e Rodríguez, a xornada arrancou cunha conferencia do investigador da UPV/EHU e da Universidade de Twente Sergio Ureña sobre ese concepto de anticipación e innovación responsable e continuou coa presentación de dous casos de estudo por parte dos investigadores do Post-Growth Innovation Lab Alejandro Fortuny e Poonam Pandey.

As intervencións de David Rodríguez, que afondou nunha das liñas de traballo do proxecto, a aplicación da gobernanza anticipatoria aberta no eido da nanomedicina, e de Hannot Rodríguez completaron a sesión matinal dun seminario que continúa esta tarde cun relatorio do tamén investigador da UVigo Javier Lloveras sobre o dereito a reparar. Esta primeira xornada complétase coas intervencións de Juan Tallería e Jo Beker, xunto cun debate final. Xa o venres, a actividade pecharase cunha xornada de análise sobre esa “anticipación de futuros alternativos”, coordinada por Ureña.

Da definición á súa aplicación

De tres anos de duración, entre os obxectivos do proxecto Terga figura tamén, xunto ao desenvolvemento dese concepto de anticipación, unha análise das prácticas de investigación e innovación responsable (RRI) no ámbito das tecnoloxías emerxentes. A idea, engade Pansera, “é empezar a falar dos problemas que poidan xurdir antes de introducir as novas tecnoloxías, implicando a distintos actores”, en lugar de que, unha vez implantadas, “caracterizar o risco” e deseñar leis para limitalo.

Nese senso, o proxecto busca non só desenvolver esa idea de gobernanza anticipatoria dun xeito teórico, senón tamén tratar “de implantala nunha experiencia”, como explica Rodríguez. Con ese propósito, conta coa participación da empresa Applied Nanoparticles, unha spin offf do Institut Català de Nanociencia i Nanotecnología (ICN2), na que se tentará “operativizar ese concepto, nun proxecto de nanomedicina, incluíndo diferentes actores sociais”.
Universidade de Vigo

Bookmark/Search this post

Facebook Like Tweet Widget Google Plus One

Buscador

Webs Galegas

Últimas Webs Galegas

AVISO LEGAL | TEXTO PROTECCIÓN DATOS | NORMAS XERAIS | POLÍTICA COOKIES | CONTACTO
InternetGalicia.net - Galicia Digital
Eganet - Tus buscadores
Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información