Ana Kiro representará a Galicia na Eurovisión mundial da intelixencia artificial co equipo PAMP! e a canción "Florespiña"

O tema rende homenaxe á popular intérprete cunha viaxe musical do pasado ao futuro da artista, incluído unha nova versión dela no metaverso, co obxectivo de inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial. María Dolores Casanova González, coñecida como Ana Kiro (1942-2010), foi unha muller adiantada ao seu tempo: feminista, galeguista e progresista. Un exemplo de resiliencia que se personifica na composición coa imaxe da flor do toxo, que medra nos lugares máis inhóspitos e simboliza a resistencia do pobo galego, quen sempre soubo sobrepoñerse malia as adversidades. O seu nome non debe ser esquecido, unha auténtica líder que loitou pola liberdade e por unha sociedade mellor.
A proposta, que conta coa aprobación expresa e o recoñecemento da famila de Ana Kiro, comeza cun recitado emotivo da filla adoptiva de Mera (Oleiros), que volta tras 13 anos de ausencia polo seu pasamento. A raíña da música lixeira alenta ás galegas e galegos a defender unha nova Galicia contra o asoballamento, o conformismo e a autocomplacenza. Raíz e modernidade fúndense creando un estilo propio, unindo verbena, música tradicional, trap e electrónica nunha sonoridade nunca antes vista na homenaxeada. O respecto á súa traxectoria e a libre creación artística son as liñas mestras deste traballo que narra a historia dunha muller que ansia ter voz propia nun mundo dominado polos homes, e na que tamén se reivindica o rural do país, actualmente esmorecido. A obra pódese escoitar nas principais plataformas de música en streaming.
"Florespiña" competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na Gran Final deste concurso internacional, impulsado inicialmente en 2020 polas radiotelevisións públicas neerlandesas VPRO e NPO coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión e organizado despois pola fundación Stichting AISC. Será un programa de televisión en directo con público asistente en Studio Follow da Grela, onde a cultura galega estará moi presente, e converterá a cidade herculina na capital mundial da música feita con intelixencia artificial. Será tamén unha ocasión para dar visibilidade á futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que nacerá en Galicia como primeiro organismo no seu ámbito do mundo. As entradas da gala están á venda a través da plataforma Ticket Hoy.
As persoas responsables desta iniciativa pioneira levan por nome "Ana María Prieto", un proxecto de investigación como tributo á primeira muller programadora informática galega. O grupo está formado por Juan Alonso, Javi Cardama (CiTIUS), César Díaz (CiTIUS), Fernando Estévez (CiTIUS), Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Ruben Laso (CiTIUS), Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava, e todas contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia.
Proceso creativo
O proceso para compoñer comezou o pasado mes de abril na residencia artística de Sony CSL París, onde os subcampións desta competición probaron as ferramentas de intelixencia artificial da discográfica e escribiron a letra da canción, logrando que o modelo GPT-J-6B aprendese a falar galego e a compoñer versos a partir dunha achega de máis de 400 estrofas do cancioneiro dixital Volai-vai, co alecrín como fío argumental. A máquina xerou os textos, e só foi necesario corrixir algunhas grallas e adaptar algunha frase, respectando os resultados do ordenador. No tocante á melodía, a través de Google Magenta xeráronse diferentes variacións rítmicas de "Viva Galicia", un dos éxitos máis reproducidos de Ana Kiro, que se empregaron para cada estrofa.
Respecto á música, graváronse instrumentos como a gaita, o acordeón, a pandeireta e o bombo ao natural, que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha musicalidade de xeito artificial seguindo a liña melódica previamente definida, e engadindo un contrabaixo extraído con IA. Para os ruídos de ambiente, empregouse o algoritmo que converte o texto en son AudioLDM, achegándolle á computadora referencias da letra sen condicionala excesivamente e seleccionando os mellores resultados entre máis dun centenar de ideas obtidas. Para a harmonización utilizouse o código Daw WavTool, e a produción arranxouse e masterizouse coas solucións artificiais que ofrecen as ferramentas Logic Pro, Ableton e Izotope Ozone AI RX 10.
Para a xeración da síntese de voz, adestráronse dous modelos de transferencia tímbrica de Ana Kiro, voz falada e cantada, dadas as diferencias de rexistro bocal, grazas a SoftVC VITS Singing Voice Convertion. O proceso partiu dun labor exhaustivo de varias semanas coas fases de documentación, filtro, limpeza e procesamento dos contidos proporcionados pola Corporación de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG), concretamente, audio e vídeo dos programas e especiais que presentou, nos que interveu e actuou a cantante. Deste xeito, cunha gravación de entrada de calquera persoa, o algoritmo foi capaz de crear un clip de audio cunha voz moi aproximada á da artista, que foi puntualmente corrixida con Autotune para a composición.
Finalmente, elaborouse o videoclip coa aplicación de arte artificial Midjourney, que produce imaxes estáticas escribindo indicacións textuais ou visuais, producindo diversos recursos, captura por captura, aos que se lles aplicou posteriormente movemento con Runway Gen-2, Pika Labs e Leiapix. O resultado é un periplo pola Galicia profunda co toxo, a súa flor e o folklore propio como protagonistas, ademais de recuperar as portadas e iconografía clásicas de Ana Kiro utilizando InsightFaceSwap, e recreando unha actuación imaxinaria en Eurovisión, festival no que a de Arzúa estivo a piques de participar no ano 1969 representando a España e Radiotelevisión Española (RTVE), disputando o título coa catalá Salomé e "Vivo cantando", finalmente gañadora.
Sobre o CiTIUS
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) é o centro de investigación de referencia en Galicia no eido da Intelixencia Artificial, e un dos poucos especializados neste campo a nivel estatal. Acreditado pola Xunta como un dos 8 Centros de Investigación de excelencia na comunidade, este referente na IA conta cun equipo de máis de 140 persoas, e nos últimos tres anos ten acadado un orzamento de máis de 9,5 millóns de euros.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)