O Seminario Muller e Universidade presenta un web de carácter interactivo e dinámico
Reforzar vínculos e promover a creación de redes para facer chegar ás mulleres, igual que aos homes, información que as axude e apoie nas súas actividades é o principal propósito do web do Seminario Muller e Universidade (SMU) da USC (http://www.usc.es/smucea/) que se presentou no Colexio de Fonseca nun acto presidido pola vicerreitora de Calidade e Planificación, Dolores Álvarez, e ao que tamén asistiu o equipo responsable da creación e xestión do web. Segundo a coordinadora do SMU, Monserrat Nogueira, co alcance da nova páxina web web preténdese lograr “a reacción, o apoio e a complicidade da sociedade á hora de cambiar estereotipos e prexuízos”.
O profundo impacto de Internet no traballo e no coñecemento non atopa unha resposta satisfactoria no que respecta á utilización das Tecnoloxías da Información e a Comunicación por parte das mulleres. Así, e segundo explicou a profesora Nogueira, nos estudos desagregados por xénero sobre o uso das TIC advírtese que as mulleres utilizan menos as TIC e dun xeito precario. “Cada vez existen máis espazos onde expresar e reflectir o noso pensamento e estamos a desaproveitar esta posibilidade”, sinalou.
Para rachar con esta tendencia o SMU saca á luz este novo web, un espazo común de información que facilita a participación e a localización de recursos, webs e redes, e tamén de acción permitindo e aumentando a súa capacidade de mobilización. As actividades do Seminario, un boletín informativo en constante actualización ou un foro aberto sobre as achegas das mulleres galegas en todos os ámbitos sociais e económicos, alén da ciencia e a tecnoloxía, son algúns dos contidos que esta nova páxina web ofrece ao lector e dende a que se poderá acceder tamén aos documentos Textos para a Historia das Mulleres en Galicia e Mujeres en la Universidad Pública 2007.
Cunha decidida vocación de potenciar o traballo das científicas e tecnólogas en rede, na sección ‘Tecendo Redes’ facilítase información das Oficinas de Igualdade nas Universidades e Centros Superiores de Investigación, recursos sobre lexislación, subvencións e axudas para proxectos e actividades, a previsión de reunións científicas de interese así como estudos, estatísticas e publicacións que achegan ao visitante ao pasado e presente das mulleres científicas e tecnólogas.
O SMU
O Seminario Mulleres e Universidade iniciou as súas actividades no seo da USC co ánimo de promocionar a igualdade entre homes e mulleres en todo o proceso de creación e divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía, especialmente no ámbito universitario galego. Constituíuse así nun espazo de reflexión que, ao tempo que impulsa e insta a creación de políticas universitarias que fomenten unha igual e real participación e representación en todos os ámbitos da toma de decisións universitarias, alenta a reflexión constante sobre a contribución das mulleres na Ciencia e na Tecnoloxía.
Desenvolver accións de sensibilización sobre situacións de discriminación, tentando detectar os mecanismos conscientes e subconscientes que están na orixe desas situacións, e instar a aplicación de políticas de igualdade na composición dos órganos de goberno da Universidade son algúns dos propósitos cos que xurdiu o SMU hai xa máis de cinco anos e que hoxe se localiza no Centro de Estudos Avanzados-Casa de Europa (Parque de Vista Alegre).

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)