A Business Factory Aero é recoñecida como a mellor aceleradora avanzada de España no ranking Funcas 2024
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/dron-bfa.jpg)
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, foi a encargada de representar á Business Factory Aero no acto de presentación do Informe Funcas, onde destacou que “é o resultado de toda unha política pública focalizada nun único obxectivo, o de transformar a nosa comunidade a través da innovación e a tecnoloxía”. Engadiu ademais que “este programa móvese grazas ao traballo de cada unha das startups, que naceron, medraron e internacionalizaron os seus proxectos na BFAero e tamén grazas ao equipo humano, que fixo posible os logros e avances dos proxectos que pasaron por este programa. Esta aceleradora e todo o traballo do Polo Aeroespacial de Galicia está baseado na colaboración. É a panca coa que impulsamos a innovación e foi tamén a da BFAero”.
Máis de 400 proxectos de 26 países presentaron a súa candidatura ás convocatorias realizadas nas cinco edicións da Business Factory Aero, das cales foron apoiados 42 proxectos empresariais, que teñen xerado 180 empregos cualificados e un volume de negocio conxunto que se aproxima aos 7 M€. Ata o 14 de maio está aberta unha nova convocatoria do itinerario de consolidación da BFAero, na que se seleccionarán tres novos proxectos.
A Fundación CEL consolídase como o mellor viveiro empresarial de toda España
O estudo sobre os servizos que prestan os viveiros e as aceleradoras de empresas de España realizado por Funcas tamén sitúa á Fundación CEL – Iniciativas por Lugo, o órgano xestor da Business Factory Aero, como o mellor viveiro de empresas en 2024, o que consolida o seu liderado nos últimos anos.
Fundación CEL foi o número un da lista no ranking de difusión do espírito emprendedor; no ranking de incubación básica; no de graduación e no ranking global de viveiros de empresas 2024/2025 na categoría de Avanzados.
R.