Novas
-
A Xunta de Galicia vén de solicitarlle ao Goberno do Estado traballar nun marco común estatal que estableza os criterios básicos de privacidade e interoperabilidade que deben garantir as diferentes aplicacións das CCAA sobre o uso da tecnoloxía e os datos para combater superar a crise do COVID-19. Así llo trasladou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, á Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, durante a xuntanza interterritorial convocada por este departamento para abordar as iniciativas de dixitalización relacionadas co Covid19.
-
Unha das facetas máis complexas da loita contra o COVID-19 é comprender como se comporta o virus e como pode evolucionar. Con este obxectivo, o grupo de investigación MODESTYA da USC desenvolveu un modelo preditivo do Coronavirus, que está dispoñible nunha <a href="http://modestya.securized.net/covid19prediction/" target="_blank"><u>aplicación web interactiva</u></a>. A ferramenta permite predicir a evolución do virus nun horizonte temporal de tres días, baseándose no seu comportamento nos quince días anteriores. Este modelo de predición de casos futuros serve para coñecer a situación de España, pero tamén do resto de países ou rexións do mundo e por comunidade autónomas dentro do Estado. A base de datos empregada para alimentar esta ferramenta usa os casos diarios confirmados e falecidos por rexión, extraídos da evolución da pandemia en todo o mundo.
-
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da app Gohu, vén de activar unha canle de novas dirixida a empresas e autónomos a través da que poderán recibir toda a información de interese relacionada coas medidas que se están a adoptar desde a Xunta -especialmente no ámbito económico e laboral- con motivo do estado de alarma polo coronavirus. As persoas interesadas deben descargar a aplicación desde Google Play Store ou Apple Store; crear un usuario; e introducir o enderezo postal. Deste xeito, a plataforma poderá enviar a información ao usuario e este recibila en tempo real.
-
A Axencia Galega de Innovación (Gain) ten aberta unha chamada a todos os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o coronavirus. Búscanse solucións innovadoras que se poida desenvolver de xeito inmediato e que poderán ser presentadas ata o vindeiro venres 27 de marzo. Trátase de proxectos para ámbitos directamente relacionados co brote de COVID-19, como, por exemplo, novos dispositivos de intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou colectivos (mascarillas, cortinas, traxes, gorros, luvas...); detección e destrución do virus; sistemas ou produtos de desinfección.
-
O espazo A Molinera acolleu hoxe a primeira reunión para perfilar as liñas económicas e os aspectos de organización e coordinación para a posta en marcha do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense. No encontro participaron o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director xeral do Igape, Juan Manuel Cividanes; o director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García; o vicerreitor adxunto de Investigación e Transferencia da UNED, Julio González; o interventor do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, e o profesor da Universidade de Vigo David Olivieri.
-
A Amtega vén de publicar os gañadores dos concursos de debuxo e microrrelatos lanzados o pasado mes de decembro para contar coas achegas dos máis novos no proceso de elaboración da Estratexia Dixital de Galicia 2030. Estes certames congregaron a participación de 42 centros educativos das catro provincias galegas e contouse coa implicación de máis de 50 docentes que desenvolveron un papel fundamental para a participación do seu alumnado, entregando 333 traballos. Na fase de votacións os internautas podía darlle o seu “gústame” ás composicións preseleccionadas polo xurado.
-
Chámase ELBA (‘Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia’), e durante o vindeiros tres anos contribuirá a mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos no ámbito da análise de grandes cantidades de datos. O novo proxecto, que arrincou oficialmente hoxe coa reunión de lanzamento na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC), estará en vigor ata finais de 2022 e disporá dunha dotación orzamentaria próxima ao millón de euros (994.968€). Un consorcio liderado desde o CiTIUS polo investigador David E. Losada, que conta coa participación dos tamén investigadores do centro Paula López e Tomás Fernández Pena e o Servizo de Relacións Exteriores da USC (SRE).
-
Galicia tivo presenza hoxe en Bruxelas na segunda reunión de CIVEX do novo mandato 2020-2025 do CdR. Dos catro debates celebrados, salienta o dedicado a como utilizar as novas ferramentas dixitais para mellorar os servizos públicos e achegar o proceso de toma de decisións o máis posible aos cidadáns. Este debate precede á elaboración dun ditame que será aprobado o próximo verán e encádrase na nova política dixital europea que vén de anunciar a Comisión Europea. Galicia presentou o camiño percorrido dende a adopción dunha primeira axenda dixital en 2010 ata a actual Axenda Dixital 2020, pasando pola aprobación da Lei da Administración Dixital de Galicia o ano pasado.
-
Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural. Para participar no plan as entidades locais debían incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica. No primeiro semestre, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladadas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobarase a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.
-
Para fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega, o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids, programa que forma parte do Plan Digitalent da Amtega. As sesións terán lugar en diferentes localidades da xeografía galega con diversos talleres temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica. A través destas actividades, rapazas e rapaces investigarán e resolverán desafíos científicos da actualidade e aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- 23
- 24
- 25
- …
- seguinte ›
- última »