Novas
-
A Xunta de Galicia vén de incorporar 19 novos centros ao programa de innovación educativa Introdución á robótica educativa en primaria, cuxo obxectivo é que o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación primaria poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción. En total participarán nesta iniciativa este curso 188 centros de toda Galicia, 67 deles da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 19 da de Ourense e 85 da de Pontevedra. Como novidade este ano, cada centro docente seleccionado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade nesta convocatoria recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que participen finalmente no programa no curso 2020/2021.
-
A Estratexia Galicia Dixital está dividida en 7 eixos estratéxicos e 1 transversal, que se desenvolverán en 20 programas. O primeiro destes eixos céntrase no ‘Goberno e Administración Intelixente’ para impulsar a automatización e transformación dixital dos servizos públicos e evolucionar cara un modelo intelixente de posto de traballo do empregado público, así como o expediente xudicial electrónico. O obxectivo é que en 2025 o 70% das persoas e o 85% das empresas usen a canle dixital.
-
Celebrouse na Fundación CEL en Lugo o acto de presentación dos proxectos seleccionados na terceira edición da BFAero, unha nova convocatoria que se abre ao exterior e confirma o interese que esperta esta aceleradora aeronáutica, xa que catro dos sete proxectos que participarán son de fóra de Galicia. 'A nova edición achega unha imaxe clara dun Polo Aeroespacial aberto a novas iniciativas que pretenden non só reter, senón tamén captar talento', explicou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
-
A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC celebra este sábado 28 de novembro unha nova edición da xornada anual de divulgación ‘Ciencia Singular’, destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros que integran a Rede. A pandemia por mor da COVID-19 obrigou a reformular o formato habitual deste evento que chega xa á súa cuarta edición. Charlas en directo con expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos conformarán o percorrido por este ecosistema científico que permitirá coñecer “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”.
-
O 92,4% dos fogares galegos teñen contratado Internet, cun incremento do 4,1% con respecto ao ano anterior. Isto supón que 34.400 vivendas da Comunidade se sumaron ao uso de internet no último ano. Sen embargo, o máis destacado deste aumento é que se produce nos concellos máis pequenos, onde ata o de agora a fenda dixital era máis acusada. Entre 2019 e 2020 a contratación de internet nos municipios de menos de 10.000 habitantes creceu un 8,7%, máis do dobre que a media de Galicia. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2020.
-
A Xunta de Galicia puxo en marcha, recentemente, o sistema PassCOVID, unha canle de contacto telemático coa cidadanía para facilitar a xestión da pandemia. Esta ferramenta informática en forma de app para dispositivos móbiles, ofrece información actualizada sobre a situación da crise sanitaria en todo o territorio e a nivel local, con avisos, recomendacións e alertas das medidas que a Xunta de Galicia está a activar para conter a pandemia orixinada polo coronavirus. As persoas que descarguen PassCOVID poden optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave 365, ou ben levalo a cabo de xeito anónimo.
-
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, lanzan a terceira edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa un 29% do total de persoas matriculadas. Este ano o programa se transforma nunha acción dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias actuais, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas galegas.
-
O Museo Centro Gaiás leva as súas exposicións ás aulas grazas a un programa de visitas didácticas realizadas a través de videoconferencia. A iniciativa ofrece así aos centros de ensino unha alternativa ás saídas escolares programadas, nun momento no que estas se viron limitadas polas actuais medidas de contención da covid-19. O proxecto tira proveito das posibilidades da tecnoloxía para permitir a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, como a exposición Galicia, de Nós a nós, da man do equipo de guías do Museo Gaiás. Este novo programa oferta así unha alternativa ás visitas que o complexo da Cidade da Cultura viña acollendo ao longo do curso escolar, e que as medidas para frear a pandemia impiden que se desenvolva do xeito habitual.
-
A aplicación PassCOVID está xa dispoñible desde hoxe para os dispositivos con sistema operativo iOS e en proceso de publicación para os móbiles con sistema operativo Android, coa previsión de que estea accesible para a súa descarga a principios de semana. De descarga voluntaria, a aplicación pode empregala calquera persoa que que se atope en Galicia, sexa residente ou transeúnte. Conectada directamente co Servizo Galego de Saúde, PassCOVID é un instrumento de apoio á xestión da pandemia e unha canle de contacto telemática cos cidadáns.
-
Tivo lugar o peche da xornada virtual Oportunidades do sector aeronáutico: Business Factory Aero organizada pola aceleradora do sector aeroespacial Business Factory Aero (BFAero) en colaboración coa Escola Técnica Superior de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade Politécnica de Madrid. A directora da Axencia Galega de Innovación, (Gain), Patricia Argerey, animou aos participantes a presentar os seus proxectos innovadores á terceira edición da BFAero, que pecha o vindeiro 22 de outubro, co obxectivo de converter Galicia nun referente neste ámbito e atraer talento e fomentar o emprendemento nesta cadea de valor con gran potencial de crecemento. Actualmente estanse a desenvolver doce proxectos procedentes de distintos tipos de entidades (centros tecnolóxicos, universidades, así como empresas que xeraron unha spin-out).
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- 22
- …
- seguinte ›
- última »