Novas
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou na presentación da Unidade Mixta de Investigación FASTFly 2035, que impulsan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE), que esta iniciativa e o Polo aeroespacial de Galicia demostran que Galicia se pode posicionar na vangarda desta industria. Na súa intervención, Francisco Conde anunciou que no segundo semestre deste ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas de compra pública innovadora (CPI), vinculados ao Polo aeroespacial de Galicia, co obxectivo de seguir dando resposta a novos retos tecnolóxicos.
-
O Centro Dramático Galego levará o 26 de marzo a súa última produción, O charco de Ulises, aos centros educativos, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Teatro. A través dunha conexión que se facilitará xunto co convite, o alumnado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato poderá gozar da adaptación do clásico grego dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso que foi estreada pola compañía en xaneiro. Trátase de apostar por achegarlle o teatro ao estudantado galego, ante as restricións de mobilidade e a suspensión das exhibicións por mor da covid-19.
-
Ponse en marcha unha visita virtual para a exposición As miradas de Isaac, aberta desde o 6 de novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e cuxo peche ao público –pola actual situación da covid-19– obrigou a suspender as visitas presenciais desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro. A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa esta nova aplicación dixital e que encadrou dentro da “completa e variada” programación en liña do Gaiás para ofrecer “contidos culturais de calidade” na rede, ante estas novas restricións que afectan ás actividades presenciais.
-
Investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Aveiro veñen de deseñar un novo modelo matemático fraccionario compartimental para estimar a propagación da covid-19. O modelo foi aplicado con éxito na análise da evolución da pandemia para os casos de Galicia, España, Portugal e Europa, e os resultados obtidos, comentan os responsables do traballo, 'permiten conxecturar como é a evolución das novas mutacións, distintas á que comezou inicialmente en China'. Así, as simulacións permitiron adiantar ao 27 de decembro coñecer como sería a evolución dos datos a tenor do impacto da variante británica do coronavirus.
-
O Comité Educativo vén de certificar que a práctica totalidade dos centros educativos están preparados para o ensino virtual cos seus horarios-espello deseñados, aulas virtuais operativas, e case todo o profesorado formado. Así se desprende dos datos de seguimento da implantación do Plan de Ensino Virtual elaborado co obxectivo de estar preparados de xeito preventivo en caso de que a situación epidemiolóxica requirira pasar á atención telemática, unha posibilidade que a día de hoxe está descartada logo de que o Comité Clínico avalara a seguridade dos centros escolares.
-
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) participa como socio no proxecto Multispectral Intelligent Vision System with Embedded Low-Power Neural Computing (MISEL), un novo consorcio europeo que aspira a permitir que as decisións tomadas polos sistemas intelixentes poidan realizarse sobre os propios dispositivos, sen necesidade de complexos sistemas externos de procesamento ou computación na nube.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no Consello Asesor da Civil UAVs Initiative, no que asegurou que o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector. Conde, que subliñou a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa, agradeceu a súa implicación a todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que forman parte e apoian este polo pioneiro en España no eido da industria aeroespacial. Destacou, ademais, que se trata dunha infraestrutura única polo seu tamaño, especialización, equipamento e pola súa capacidade de crecemento.
-
No uso de Internet, as diferenzas entre os homes e as mulleres galegas son mínimas: O 85,3% das galegas fronte ao 85,9% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses. O uso da Rede entre as mulleres galegas acada así a media que se rexistra na Unión Europea. En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de internet redúcese nun 80%, ao pasar de 3 puntos porcentuais a 0,6 entre 2016 e 2019. Cando se acada un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes ata os 64 anos.
-
A Xunta lanza unha nova versión da aplicación PassCovid máis intuitiva e con novas funcionalidades. Así a app posibilita a autodeclaración de contactos para que as persoas que estiveran en contacto cun positivo poidan trasladar esta información desde o móbil ao Centro de Seguimento de Contactos. Outra das novidades é que se simplifica o acceso, evitando aos usuarios a obrigatoriedade de elixir entre usuario anónimo e identificado e, ademais, xa se está a activar progresivamente o rexistro en establecementos. Desde finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron PassCovid, unha app para axudar ao coidarnos fronte á Covid e unha canle de contacto permanente entre as autoridades sanitarias e a poboación.
-
O proxecto Galician Skyway, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e que rematou o pasado mes de setembro, supuxo un investimento mobilizado de 10,2 millóns de euros -cofinanciado con fondos Feder do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt)- e a creación de 94 empregos. Na realización do mesmo participaron entidades como Enaire, o Inta ou o centro tecnolóxico Gradiant e empresas como Televés, Centum e Soticol.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- …
- seguinte ›
- última »